Na galería Auriol Arte inaugurouse onte á noitiña a primeira exposición dun pintor novel, pero con moitos anos de experiencia cos pinceis como Manuel Amigo, un médico que hai vinte anos deixou de atender pacientes na consulta de atención primaria para preocuparse da saúde pública a nivel administrativo, dende a Consellería de Sanidade. Explica que o título co que reúne ata o 5 de febreiro estes cadros, Válvula de escape , reflicte a súa motivación para pintar.
-¿Por que non expuxera nunca?
-Non me preocupou, pinto dende rapaz, pero é a primeira exposición porque nunca tiña produción abondo. Os cadros levábanos os amigos e así. Agora decidinme porque entre uns e outros animáronme, e aquí están 48 obras grandes e pequenas, de distinto tema e pelaxe.
-Porque pintar é unha evasión.
-Claro. Nesta vida todo mete presión: a familia, o traballo, a contorna... E pintar é unha evasión, voume ao faiado é reláxome pintando, e agora teño máis canas, e tamén supoño que madurez. Crieime entre pinceis, porque meu pai tamén pintaba.
-¿Que prefire pintar?
-Sobre todo as cidades, e ata o feísmo que se ve por aí. Pero tamén pinto bodegóns, marinas...
-Sempre figuración.
-Se ves unha chalana é que é unha chalana. Eu poño o fuso, e despois do que se trata é de que o espectador poña da súa parte, que complete como queira o que ten diante.